O acendido do alumeado de Nadal marca o comezo dunha ampla programación na Guarda

O Nadal chega á Guarda cunha programación de actividades extensa e variada que se presentaron o pasado venres día 30 de novembro por parte da Concelleira de Cultura, Elena Baz; o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes. Teatro, animación musical polas rúas, concertos de panxoliñas, obradoiros de decoración, chocolatadas, pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis, son algunhas das actividades previstas dende o 5 de decembro ata o 6 de xaneiro.

A programación de actividades arranca xa este mércores día 5 de decembro co acendido da iluminación de Nadal ás 20:30 h na Praza do Reló. Dende as 20:00 h contarase con animación de rúa a cargo de Barafunda cos espectáculos «A xogar cos Trasnos» e «Lolo Globotolo». «A xogar cos Trasnos» é unha gran festa chea de cor e de sorrisos onde os nenos e nenas poderán bailar coma tolos e xogar coa música, un espectáculo de movemento interactivo con xogos, cancións de animación, globos e moita diversión. «Lolo Globotolo» é o pallaso Lolo, fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes, facendo figuras imposibles con globos e gag divertidos, un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva onde o público sentirase parte integrante do espectáculo, ideal para toda a familia, cunha posta en escena onde a ilusión do clown mistúrase nun cóctel de risas e gargalladas.

Tamén o 5 de decembro publicarase na web municipal www.aguarda.es o vídeo do Obradoiro de Adornos de Nadal, neste vídeo, elaborado pola deseñadora e experta en escaparatismo Patricia Maquieira Franco, explicarase como serán os adornos de Nadal que se realizarán nos obradoiros que terán lugar os días 10 (en horario de 20:30 h a 22:30 h) e 15 (de 16:30 h a 18:30 h) de decembro na Casa dos Alonsos.

Dende o Concello da Guarda se convida a participar e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.