A maxia do Nadal chega á Guarda

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, coa concelleira de Cultura, Elena Baz (á esquerda) e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, na presentación da programación do Nadal 2018 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, coa concelleira de Cultura, Elena Baz (á esquerda) e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, na presentación da programación do Nadal 2018

O Nadal chega á Guarda cunha extensa e variada programación de actividades que se presentaron este venres día 30 de novembro a concelleira de Cultura, Elena Baz; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes. A programación, que se desenvolverá do 5 de decembro ao 6 de xaneiro abranque, entre outras actividades, teatro, animación musical polas rúas, concertos de panxoliñas, obradoiros de decoración, chocolatadas, pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis.

A programación de actividades arrancan xa o mércores 5 de decembro co acendido da iluminación de Nadal ás 20:30h na Praza do Reló, dende as 20:00h contarase con animación de rúa a cargo de Barafunda cos espectáculos «A xogar cos Trasnos» e «Lolo Globotolo». «A xogar cos Trasnos» é unha gran festa chea de cor e de sorrisos onde os nenos e nenas poderán bailar coma tolos e xogar coa música, un espectáculo de movemento interactivo con xogos, cancións de animación, globos e moita diversión. «Lolo Globotolo» é o pallaso Lolo, fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes, facendo figuras imposibles con globos e gag divertidos, un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva onde o público sentirase parte integrante do espectáculo, ideal para toda a familia, cunha posta en escena onde a ilusión do clown mistúrase nun cóctel de risas e gargalladas.

Tamén o 5 de decembro publicarase na web municipal www.aguarda.es o vídeo do Obradoiro de Adornos de Nadal, neste vídeo, elaborado pola deseñadora e experta en escaparatismo Patricia Maquieira Franco, explicarase como serán os adornos de Nadal que se realizarán nos obradoiros que terán lugar os días 10(en horario de 20:30 a 22:30h) e 15(de 16:30h a 18:30h) de decembro na Casa dos Alonsos.

Dende o mércores 12 de decembro 11 asociacións e colectivos da vila encargaranse de engalanar diferentes espazos públicos da Guarda dentro da actividade «Decora o teu Nadal», unha proposta que xa tivo gran repercusión nos anos anteriores e que se repite este ano para retomar a maxia do Nadal nas prazas da vila.

O xoves 13 de decembro ás 20:00h a Casa dos Alonsos acollerá un Concerto de Nadal do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, onde contarase coa actuación do Coro do Conservatorio, unha nova proposta que xurde este ano contando coa participación dos alumnos do Conservatorio e que será o seu concerto de presentación.

O venres 14 de decembro a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle a Bebeteca de Nadal, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos de idade que terá lugar ás 18:00h.

O Sábado 15 de decembro será o día no que se inscribirán todos aqueles nenos e nenas que desexen participar na Cabalgata de Reis. Para inscribirse é preciso que cada neno ou nena vaia ao Centro Cultural dende as 10:00h acompañado sempre dun adulto(1 por neno/a). Os participantes deberán de ter, mínimo 8 anos de idade e cumprimentar a solicitude por parte dos pais ou titores legais, as follas de inscrición e as bases reguladoras estarán a disposición nos días previos no Centro Cultural e no Concello da Guarda.

Tamén o sábado 15 celebrarase o Festival Solidario a favor da Fundación Las Samaritanas da Guarda a partires das 20:00h no Centro Cultural. Nesta edición contarase coas actuacións do Grupo de Baile Xamaraina, o Grupo de Baile Studio 88, O Grupo de Gaitas A Boalleira, o Grupo de Baile Do-Majó e o grupo de Acordeóns Argonat Band. Unha oportunidade para colaborar nunha boa causa.

O domingo 18 de decembro será o primeiro día de apertura da Pista de Xeo que estará instalada na Alameda da Guarda, as entradas custarán 6€ de xeito anticipadas nos establecementos da vila e 7€ na propia pista, cunha duración de 45 minutos para gozar por primeira vez na Guarda da patinaxe sobre xeo, o aluguer dos patíns é gratuíto e recórdase que se deben de traer guantes para as mans. O horario de Luns a venres será de 16:00h a 22:00h e os fins de semana de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 22:00h. O 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro funcionará en horario de fin de semana e o 24 e 31 de decembro en horario continuo de 11:00h a 19:00h. O 1 de xaneiro funcionará só en horario de tarde de 16:00h a 22:00h.

Todos aqueles comercios que desexen dispor de entradas para a Pista de Xeo poderán adquirir packs de 10 entradas ao prezo de 60€ na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89.

O xoves 20 de decembro ás 20:00h o Centro Cultural da Guarda será o escenario do Concerto de Nadal do Conservatorio no que se contará coas actuacións do Coro do Conservatorio, actuacións musicais dos alumnos de grao elemental, da Banda de Iniciación e da Agrupación Musical da Guarda.

O venres 21 de decembro a partires das 20:30h o Centro Cultural da Guarda acollerá o Concerto de Nadal de Pandereteiras, unha cita coa música máis tradicional onde cada grupo tocará unha peza tradicional e unha panxoliña ou cantar de Reis. Contarase coas actuacións de grupos da Guarda como Carainas, Coiro Vello, Paliqueiras, Tambaluca, Pandereteiras do Lusco ó Fusco, Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa, Caramuxiñas e Arghaceiras do Muño.

O sábado 22 de Decembro a Charanga «Vaia Panda» será a encargada de animar e dinamizar as rúas da Guarda de 11:00h a 13:00h, momento en que moitos veciños aproveitan para facer as compras de Nadal.

Tamén na xornada do 22 de decembro, ás 11:30h a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle unha sesión de «Contos Contados» adicada ao Nadal, onde nenos, nenas e familias contarán os tradicionais contos dos avós, ademais de participar nun obradoiro para decorar a árbore de Nadal da Biblioteca.

Xa pola tarde, ás 17:30h deste sábado día 22, o Centro Cultural será o escenario da proxección de Cinema infantil «Coco», a historia dun neno que quere ser músico, unha actividade enfocada a conciliación laboral que permitirá que os pais e nais teñan un tempo libre para facer compras na vila.

O domingo 23 de decembro a Igrexa Parroquial acolle dende as 17:00h o tradicional Concerto de Panxoliñas no día previo á noite de Nadal, un evento musical que contará nesta edición coa actuación da Coral Polifónica da Guarda, o Grupo Antorcha, o Coro Infantil dos PP. Somascos, o Coro Arpegios Cantábile e a Coral da Terceira Idade.

O mércores 26 de decembro a Casa dos Alonso acolle o Obradoiro infantil «Decora o teu Concello» no que nenos e nenas da vila participarán na decoración de Nadal, nunha actividade de 2 horas de duración para un máximo 15 nenos e nenas, é preciso inscribirse previamente do 10 ao 19 de decembro no Centro Cultural.

O xoves 27 de decembro continúa a animación musical de rúa a cargo do grupo «Do Lusco ó Fusco» de 11:00h a 13:00h, unha maneira de dinamizar e incentivar as compras na vila, ademais contarase con chocolate quente de balde para todos os que visiten o Mercado da Praza de Abastos da localidade.

Xa pola tarde do xoves 27 de decembro ás 17:30h o Centro Cultural acolle a sesión de teatro «Tristán» a cargo da compañía Elegante Elefante, as entradas estarán dispoñibles dende o 17 de decembro no Centro Cultural. «Tristán» é un espectáculo visual dirixido ao público infantil dos 3 aos 12 anos, unha comedia xestual interpretada ao estilo dos debuxos animados onde as palabras se transforman en xestos e os personaxes falan nunha lingua inventada que é inmediatamente descifrada polo público e a música acompaña o ritmo dinámico da acción.

Tamén o xoves 27 de decembro a Cafetería Alameda acolle ás 20:30h a segunda Barferencia de Inverno 2018, onde contarase coa presenza de Brais Currás e Mar Cortegoso, que falarán sobre as Paisaxes de sal na Costa Atlántica, ámbolos dous participaron e coordinaron as escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente nas Salinas do Seixal baixo o Proxecto «A Guarda, Mar de Sal».

O venres 28 de decembro o Centro Cultural da Guarda acolle a sesión «Route 66» de Teatro-Clown musical para adultos da Compañía Blues Grampas, unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban e Carlos Sante. Inicio ás 21:00h, recollida previa de entradas dende o 17 de decembro no Centro Cultural da Guarda.

Para o sábado día 29 de decembro, a Charanga «Vaia Panda» será a encargada da amenización musical das rúas da vila entre as 11:00h e as 13:00h.

Tamén o sábado 29 de decembro ás 12:00h o Centro Cultural da Guarda será o escenario dunha visita moi especial para os nenos nesta tempada de Nadal, «O Apalpador». Neste espectáculo, para público familiar a partires dos 3 anos, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman o apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas. Retirada previa de entradas dende o 17 de decembro no Centro Cultural.

Xa no mes de Xaneiro o Mércores día 2 a Casa dos Alonso acolle o Obradoiro infantil «Decora a túa casa» no que nenos e nenas da vila aprenderán a realizar adornos de Nadal, nunha actividade de 2 horas de duración para un máximo 15 nenos e nenas, é preciso inscribirse previamente do 10 ao 19 de decembro no Centro Cultural.

Na xornada do xoves día 3 de xaneiro continúa a animación musical de rúa a cargo do grupo «Do Lusco ó Fusco» de 11:00h a 13:00h, visitando o Mercado da Praza de Abastos, que acolle este día unha chocolatada de balde.
O xoves 3 pola tarde o Centro Cultural acolle unha nova sesión de cinema infantil coa proxección de «Capitán Calzoncillos» ás 17:30h, un filme para público infantil onde dous rapaces gozan facendo bromas e debuxando cómics na súa escola, unha actividade enfocada a conciliación laboral que permitirá que os pais e nais teñan un tempo libre para facer compras na vila.

As súas Maxestades de Oriente visitarán o venres 4 de decembro pola tarde aos nosos maiores na Residencia da Terceira Idade Monte Tecla, estarán acompañados pola Charanga Vaia Panda e o Grupo Do Lusco ó Fusco, ademais de contar coa presenza do Alcalde, da Concelleira de Turismo e da Concelleira de Servizos Sociais.

O Sábado día 5 de xaneiro terá lugar un dos actos máis importantes do Nadal na Guarda, a Cabalgata dos Reis Magos que terá lugar ás 18:00h con saída dende a Alameda da Guarda acompañados pola comitiva de paxes, 5 asociacións da vila e unha charanga que amenizará musicalmente este evento. Os Reis Magos percorrerán a Rúa Rosalía de Castro e Rúa Galicia para terminar na Casa dos Alonsos, onde recibirán aos nenos e nenas entregando agasallos e lambonadas para todos.Durante o percorrido repartirán caramelos e lambonadas dende as súas carrozas.

Dende o Concello da Guarda se convida a participar e gozar dunha programación de Nadal "que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes".