O Centro Cultural da Guarda acolle, o venres, a proxección de «A cicatriz branca»

A mostra GalizAmérica, que se atopa na sala de exposicións do Centro Cultural da Guarda ata o vindeiro sábado día 10 de novembro e compila materiais que dan conta do florecemento da cultura galega en América, compleméntase coa proxección do filme «A cicatriz branca» de Margarita Ledo, que terá lugar este venres día 9 de novembro ás 20:30 h no Centro Cultural guardés.

A mostra GalizAmérica, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. “Sempre se dixo que Galiza foi submisa co franquismo e iso non é certo, o exilio é unha consecuencia da represión e por tanto unha forma de loita” indicou a comisaria. A este apartado corresponden paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño.

O segundo apartado corresponde ao que Carmen Carreiro denominou “a xenerosidade de América” e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Sobre esta parte da exposición, a comisaria fixo unha reflexión relacionada cos tempos actuais indicando que “nun momento como o actual no que a sombra da xenofobia percorre Europa temos que ter presente a que nos podemos ver abocadas as persoas en situacións extremas, e é importante ter o corazón e a cabeza solidarios”.

A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia “nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí”. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.

«A cicatriz branca»
A propia Margarita Ledo explicaba que “é un filme de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega”. O filme foi escollido precisamente para abordar a dimensión feminina e darlle voz ás mulleres da emigración. “Hai moito sobre a emigración contado en masculino pero moi poucas veces se lles dá voz ás mulleres, que en moitos casos emigraron soas, e que sufriron acoso sexual ou tiñan que emigrar vítimas de estigmas sociais como ser filla dun cura” asegurou Margarita Ledo.

A cineasta tamén será a encargada da conferencia que complementará a mostra ao seu paso por Poio e que leva por título «Recuperar a fala, recuperar a alma” e na que utilizará como fío condutor o seu documentario «Apuntamentos para un filme». Este documentario nacera como un traballo previo e de documentación para a posterior realización de «A cicatriz branca» e recolle as conversas coas mulleres da diáspora que compartiron a súa experiencia coa cineasta e que a quixeron relatar para deixar constancia.