«Contamos todas» continúa na Guarda a xira por concellos do Fondo Galego

A Tropa de Trapo continúa, este xoves na Guarda, a nova edición da xira «Contamos todas», un espectáculo a prol da equidade de xénero que percorrerá sete concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no mes en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A actuación desenvolverase este xoves día 8 de novembro a partir das 12:30 h horas no Centro Cultural da Guarda.

A compañía compostelá Tropa de Trapo mesturará historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar á rapazada de 3º e 4º de ESO dos centros de secundaria do municipio.

Centrada na desigualdade e na violencia de xénero, a sesión abrirase cos contos «As mulleres de Torneiros» e «Liberia», exemplos de vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións. Historias para pensar, casos de empoderamento, rebeldía e superación. A actividade leva aparellado un obradoiro no que se contará coa opinión das e dos estudantes, para rematar representando as súas propias propostas mediante o emprego de técnicas do Teatro da Oprimida.

Sobre A Tropa de Trapo
Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.