Escolares da Guarda participan na recta final do proxecto «A Guarda escrita nas estrelas»

Dende o martes 9 de outubro alumnos e alumnas dos diferentes centros escolares da localidade participan no pintado do espigón do porto da Guarda, actividade enmarcada no proxecto «A Guarda escrita nas estrelas» que se atopa xa a piques de rematar, lucindo xa imaxes da Guarda, Salcidos e Camposancos, as Marcas dos Pescadores e as estrelas que darán forma a esta «galaxia».

O novo deseño e froito dun traballo realizado polos artistas locais Alberto Brandon e Nuria Villa, así coma o de máis de medio cento de voluntarios que xa colaboraron nestas tarefas dende mediados de agosto, contando cunha gran implicación da cidadanía. Segundo explicaron Alberto e Nuria o día da presentación deste proxecto, «sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día.» Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza.

Desta volta, son os alumnos e alumnas dos centros escolares os que participan no pintado das estrelas, pintado que se realiza en grupos, onde os nenos e nenas atenden ás explicacións dos artistas para proceder despois a plasmar sobre o dique as pinturas, coa axuda duns modelos e sprays. Este mércores día 10 de outubro a Concelleira de Cultura, Elena Baz; e a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes; visitaron o Porto da Guarda para visualizar o avance destes traballos e mesmo participar no pintado das estrelas, amosando a súa satisfacción polo estado e avance deste pintado, que está xa a piques de rematar.

Ela, a artista Nuria Villa "aka NUVI" ilustra e él, o deseñador gráfico Alberto Brandon "aka éxfico" debuxa tipografías, creando traballos que os teletransportan a unha existencia plena. Despois dunha viaxe reveladora a Xapón en 2014 e como hobby aos seus trabalos de fotografía e deseño para «Petit de la Crème», comparten as súas afeccións nun novo proxecto de forma totalmente manual, crean: A Guarda Souvenir Collection, como pura necesidade de crear souvenirs con paixón que representen o pobo onde viven. Ademais da súa marca de roupa éxfico clothing, comenzan a xurdir todo tipo de traballos para murais, eventos, identidades corporativas... nos que plasman a súa propia personalidade, debuxos cun aire divertido, cun toque naif e perfeccionista, ilustracións combinadas con lettering, onde a mensaxe e os detalles son moi importantes.