II Mostra asociativa e Festa das Mercedes, atractivos desta fin de semana na Guarda

A Guarda inicia hoxe venres día 14 de setembro o centenario das Festas das Mercedes no barrio da Gándara da parroquia de Salcidos, unhas festas que se prolongarán ata o 24 de setembro cunha gran actividade cultural, deportiva e de lecer. Por outra banda tamén esta fin de semana realizase na Alameda da Guarda a II Mostra asociativa, que contará coa participación de máis dunha vintena de colectivos e asociacións da vila, nunha xornada de intercambio de experiencias na que elas mesmas serán as protagonistas, poñendo en valor o seu traballo.

O venres 14 de setembro e enmarcado nas Festa das Mercedes, realizarase o pregón da festas a cargo da locutora de radio e comunicadora Beti Rey ás 20:00 h na Praza dos Seixiños. De seguido realizarase unha actuación do dúo de violín e saxo Antonio Seijo & Pablo Estelles, con posterior concerto da Agrupación Musical do Rosal e inauguración da Exposición sobre o Centenario da Capela/Santuario das Mercedes no 1º andar da Casa Social O Percamino.

Na xornada do sábado 15 de setembro a Alameda da Guarda acolle a II Mostra asociativa, un evento que terá lugar dende as 10:30 h da mañá e contará cunha ampla programación con diversas actividades, actuacións, obradoiros, xogos, demostracións, exposición fotográfica, photocall, entre outras. Dende o Concello da Guarda convídase a todos e todas a participar nesta actividade e coñecer de primeira man o traballo e esforzo que se leva a cabo dende as diferentes asociacións da nosa vila, nunha xornada aberta á participación da cidadanía e que pretende converterse nun punto de intercambio de experiencias.

Tamén este sábado terá lugar a segunda xornada das Festas das Mercedes no barrio da Gándara, coa III Baixada de Carrilanas ás 16:00 h dende A Pobra e a partires das 21:00 h o VIII Serán organizado polo grupo de gaitas A Boalleira, no que se obsequiará aos asistentes cun chocolate e biscoito.

O domingo día 16 de setembro a programación das Festas das Mercedes chega ao seu terceiro día, destacando a XVIII Carreira Pedestre Popular «Julia Vaquero», que terá lugar ás 11:00 h da mañá. Pola tarde ás 17:00 h a Agrupación Musical da Guarda ofrecerá un concerto e ás 19:00 h o grupo de teatro «Os mellores do grupo» realizarán a representación teatral de «Xénesis».