Antonio Lomba defende a construción dun dique-espigón na Lamiña

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, nunha das zonas atacadas pola erosión O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, nunha das zonas atacadas pola erosión

O Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) vén de remitir ao Concello da Guarda, logo de meses de espera e reclamacións por parte do executivo que preside Antonio Lomba, o informe sobre a erosión litoral na praia da Lamiña que acada xa tintes alarmantes. O estudo propón cinco alternativas para mellorar a situación actual, alternativas que foron estudadas polo Goberno da Guarda nunha reunión na que tamén estiveron o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez e o exalcalde Domínguez Freitas.

Deixando a un lado o feito de que tería sido máis facil, e posiblemente menos costoso, atallar o problema hai meses cando o Concello da Guarda informou, por activa e por pasiva, da gravidade do mesmo, non deixan de ser boas novas que por parte do CEDEX acheguen cinco alternativas de solución. Segundo o escrito que acompaña ao informe, da recén nomeada Directora General de Sostenibilidade de la Costa y el Mar, Ana María Oroño Valenciano, estanse a analizar "as cinco alternativas propostas polos técnicos para contratar o correspondente proxecto construtivo e o estudio de impacto ambiental, dado que estamos falando dunha zona que pertence a Rede Natura 2000".

Pola súa banda, o Concello da Guarda, tamén comezou a traballar sobre este documento e, nese sentido, mantivo unha reunión monográfica a que acudiu tamén o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez e o ex alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas. As conclusións desta reunión, ao entender do equipo do goberno, "están na liña de defender os intereses do concello da Guarda e os valores mediombientais do espazo que sofre o problema erosivo".

Así, nas conclusións, sinálase en primeiro lugar a necesidade de "evitar que a auga do río entre na zona inundable que está por dentro do cordón dunar, que segundo o informe ten unha extensión aproximada de 150x30 m" e, ao mesmo tempo, "débese evitar que continúe a erosión do litoral coa conseguinte perda do cordón dunar e da praia".

A solución que se adopte ─puntualizan as conclusións do Concello da Guarda─ "debe evitar a reprodución do problema no futuro polo que debe facilitar a rexeneración natural da praia e do ecosistema dunar" xa que, engaden, "non parece razoable gastar os cartos públicos en actuacións con risco de destrución como sucedeu na «escollera» do Codesal. Dito en outras palabras, evitar un dos deportes nacionais: os parches.

Salienta especialmente o Concello da Guarda que "a zona da praia que desapareceu pola erosión do litoral poida recuperarse como un espazo de uso público" e, nese sentido lembra que "a praia do Muíño ten os distintivos de Bandeira Azul e Eco-Praia"

O concello que preside Antonio Lomba entende que, ademais das consideracións mediomambientais, "debe terse en conta a preservación e mantemento do dominio público que é  unha competencia de costas do Estado".

Chegados a este punto, o Goberno da Guarda considera que, das cinco alternativas propostas polo CEDEX, a que mellor se axusta aos seus intereses é a alternativa 5, "que propón a construción dun dique-espigón de «escollera» a baixa cota e lonxitude a determinar, como continuación dos baixos entre as praias do Muíño e A Lamiña, cara ao este". Estas consideracións foron as que lle fixo chegar o alcalde da Guarda, Antonio Lomba á xefa Costas de Pontevedra, Cristina de Paz, nunha xuntanza mantida na mañá do pasado martes 10 de xuño

Segundo o informe do CEDEX, xa en 1979 o Plan Indicativo de Usos do Dominio Público do Litoral propuña a construción de catro espigóns e o vertido de áridos neste espazo, "unha actuación que nunca se levou a cabo", explica o Concello guardés.

Anos máis tarde, no 2015, o Servizo Provincial de Costas propuxo a e executou na zona próxima ao Codesal unha actuación de protección do litoral con sacos terreiros, ante a solicitude feita dende o consistorio local polo deslizamento do sendeiro próximo, actuación que na actualidade se atopa “en total ruina” e da que tamén se solicita a súa reparación dende o concello.