«Comercio innova» arrinca esta semana con 8 establecementos participantes

Oito establecementos comerciais da Guarda participan na campaña de dinamización comercial «Comercio innova», impulsada polo Concello guardés que ten, como obxectivo, axudalos a optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos. Nesa liña, «Comercio innova» defínese como un programa de acompañamento para a innovación dirixido ao pequeno comercio local.

A través deste proxecto, os comercios adheridos poderán participar nun plan de acción individualizado no que contarán co asesoramento dunha experta, que avaliará e deseñará un plan de acción á medida da situación e realidade de cada negocio.O proxecto que conta nesta primeira edición cun total de oito establecementos ─dedicados á venda de produtos téxtiles, informáticos ou farmacéuticos, entre outros─ comeza estes días a desenvolver a primeira das súas tres fases principais. Neste punto, os negocios participantes no programa recibirán a visita dun «cliente misterioso» que valorará aspectos como a imaxe da tenda, a benvida ao cliente ou a calidade do servizo.

A raíz desta primeira toma en contacto e durante a vindeira semana, a consultora Mariem Filgueira realizará un encontro con cada un dos comerciantes, na que analizarán de forma conxunta aspectos como o control de gastos, o impacto da imaxe de marca e a adecuación dos produtos ou servizos ofrecidos ás necesidades do entorno. Este análise servirá de base para o establecemento dun plan de acción, do que se fará seguimento intensivo durante un mes.

A finais de xuño, os responsables dos comercios participantes e a consultora valorarán o impacto das medidas de mellora e optimización adoptadas. Nesta derradeira fase de avaliación, poderán achegarse novas fórmulas para acadar os resultados desexados, de xeito que os e as participantes podan seguir mellorando o seu negocio tras a finalización do programa.

Esta primeira edición de «Comercio innova» rematará o 27 de xuño coa celebración dunha mesa redonda na que todos os establecementos participantes poderán compartir a súa experiencia e valorar os seus resultados. A campaña contará co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2018.