Os escolares da Guarda gozan un espectáculo de maxia na Semana das Letras Galegas

Preto de medio millar de cativas e cativos dos centros escolares guardeses gozaron esta mañá do espectáculo de maxia «Ilusións por e para María Victoria Moreno» da man do ilusionista Martín Camiña. A actividade, inicialmente programada para ser celebrada no Auditorio de San Bieito, desenvolveuse finalmente na Casa dos Alonso. Alí, os e as escolares repartíronse en dúas quendas para gozar do espectáculo, no que a obra e figura da escritora María Victoria Moreno serviron de fío condutor.

Así, o show mesturou maxia e literatura de xeito ameno e divertido, buscando en todo momento a participación dos pequenos e pequenas, que saíron da actividade cun sorriso. Asistiu o alumando de diferentes cursos de primaria e infantil dos centros educativos A Sangriña, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, Padres Somascos, San José-HH Carmelitas e da Escola de Educación Infantil da Gándara, así como alumnado do CEE San Xerome Emiliani.

O espectáculo «Ilusións por e para María Victoria Moreno» forma parte da programación cultural organizada pola Consellería de Educación e Cultura do Concello da Guarda co gaio do Día das Letras Galega, que se conmemora o 17 de maio.