A Xunta colabora na redución da factura enerxética de Crecente

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou onte o concello de Crecente co obxectivo de analizar, xunto ao alcalde da localidade, Julio César García-Luengo, os proxectos executados a través do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia que permitiron reducir a factura enerxética do municipio.

Deste xeito, o concello de Crecente destinou case 35.000 euros, dos cales foron subvencionados o 80%, co obxectivo de cambiar un total de 74 luminarias nos lugares de Varóns en Filgueira e Nogueira en Villar. “Estas reformas están encamiñadas a conseguir un aforro enerxético e ambiental mediante a utilización de lámpadas de maior eficacia luminosa e vida útil e equipos auxiliares de alta eficacia, así como luminarias de última xeración”, explicou Cores Tourís, quen matizou que deste xeito cambiáronse as anteriores de vapor de sodio por novas lámpadas LED.

“Segundo nos informan dende o concello de Crecente, esta renovación das luminarias permite un aforro de ata o 48% na factura enerxética destes lugares”, engadiu o delegado territorial.

Ademais, cabe lembrar que a pasada semana publicáronse no Diario Oficial de Galicia as convocatorias para este exercicio, tanto da Orde de Infraestruturas de uso público como do Fondo de Compensación, superando entre ambas os 13 millóns de euros.

O Fondo de Compensación Ambiental, explica a Xunta de Galicia, procede do canon eólico e dende hai xa oito anos beneficia aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, así como aos seus cidadáns, posto que subvenciona investimentos que melloran o entorno e a conservación natural. Prima as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

Para poder ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2016 ao Consello de Contas de Galicia.

A Xunta de Galicia destinou o ano pasado un total de 11 millóns de euros, aos concellos galegos, en dos liñas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico, que ten unha cuantía global de 7,7 millóns, beneficiándose 16 concellos pontevedreses cunha axuda total de 545.000 euros. Pola súa banda, á liña competitiva, na que se atopou o ano pasado o proxecto visitado hoxe en Pontecesures, puideron optar a totalidade das entidades locais galegas que contan con proxectos medioambientais axustados á convocatoria, cun orzamento de 3,2 millóns de euros, dos cales, na provincia de Pontevedra beneficiáronse 17 concellos cun total de 760.000 euros.