Eduardo Reguera promete, en Crecente, rematar “co abandono dos concelleiros e concelleiras socialistas”

Ao igual que xa fixera onte no arranque de campaña en Moraña, Eduardo Reguera apostou de novo hoxe por estar ao lado de militantes dunha pequena agrupación que defenden as siglas socialistas desde a oposición.

Desde Crecente, o candidato a Secretario Xeral da Provincia insistiu en que estas son as agrupacións que máis hai que coidar, pois a día de hoxe “os concelleiros e concelleiras da provincia, especialmente os da oposición, están abandonados á súa sorte, sen coordinación, sen información e sen asesoramento de ningún tipo”.

Precisamente no apoio e na formación aos concelleiros e concelleiras pon Reguera o acento no seu programa electoral. Así, propón, en primeiro lugar, crear unha asistencia xurídica provincial, á que poidan recorrer todos os grupos municipais para solventar as múltiples dúbidas que teñen no seu día a día. Xunto con este apoio específico no ámbito xurídico, o candidato pretende levar a cabo toda unha labor de coordinación e organización que oriente o traballo municipal do PSOE na provincia de Pontevedra.

Ademais do apoio, para a candidatura de Reguera é vital a formación dos cargos públicos socialistas. Neste sentido, propón crear grupos de traballo e formación con militantes voluntarios, expertos en materias concretas, que formen aos seus compañeiros e compañeiras en todo tipo de cuestións, desde a xestión de redes sociais ou a comunicación en sentido amplo, ata a política urbanística ou a facenda municipal, pasando polas políticas de igualdade, mocidade ou participación cidadá.

Trátase, en definitiva de, como di Reguera, “aproveitar o capital humano que hai dentro do Partido para dar apoio constante aos nosos representantes e que nunca máis volvan sentir que están sos”. Empeño que tamén recalcou no último acto da xornada, celebrado cos militantes socialistas de Ponteareas.