As obras da Xunta na parroquia do Freixo, en Crecente, rematarán esta semana

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisou as obras de contención e reparación da rede viaria ao seu paso pola parroquia de Freixo, que están executadas nun 90 %, prevéndose o seu remate para esta semana. Estas actuacións, cun investimento de case 100.000 euros, son froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Crecente.

Os traballos centráronse na reconstrución dos muros de sostemento no acceso norte ao núcleo do Freixo e na vía cara a Virxe do Camiño, que se atopaban en mal estado e estaban en risco de caer. Tamén se levaron a cabo reparacións do noiro no acceso ao cemiterio e arranxos no firme da vía de entrada ao núcleo do Freixo.

Todas estas intervencións buscan incrementar a seguridade nesta parroquia de Crecente, facilitando, ao tempo, as condicións de accesibilidade, así como a mellora da mobilidade de todos os seus veciños.

obras estradas crecente 02

Vázquez Mourelle salientou que a este investimento cómpre sumarlle os máis de 300.000 euros destinados o ano pasado desde o Goberno galego a paliar os danos ocasionados polos temporais de chuvia de principios de 2016, renovando un colector de drenaxe no núcleo de Surreiro, na estrada que vai de Filgueira a Ponte Barxa (PO-801); e levando a cabo obras de emerxencia para arranxar desprendementos na estrada que vai a Salvaterra.

A conselleira indicou que estas accións poñen de manifesto o compromiso da Xunta cos concellos galegos e por dar solución e áxil resposta ás incidencias que se rexistran nas estradas autonómicas. Precisou que un dos obxectivos prioritarios da Xunta é manter as estradas nas mellores condicións de cara a incrementar a seguridade viaria e proporcionarlle aos veciños unhas vías cómodas para os seus desprazamentos diarios.

Ethel Vázquez destacou que a vontade da Xunta é seguir traballando, da man do Concello de Crecente, para continuar avanzando na mellora do benestar e da calidade de vida de todos os seus veciños.