Turismo de Galicia mellora a sinalización dos recursos turísticos de Crecente

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde de Crecente, Julio García-Luengo, visitaron hoxe o concello para comprobar o resultado da mellora da accesibilidade e sinalización dos seus recursos turísticos. Así, entre outros recursos achegáronse á Pesqueira Follagueira a cal, no marco do convenio asinado por Turismo de Galicia e o concello de Crecente, foi condicionada e rehabilitada. Nela levouse a cabo unha limpeza, unha retirada de materiais non acordes e unha recuperación total da pesqueira.

Así mesmo, grazas á achega de Turismo de Galicia de máis de 83.000 euros, preparouse a dita pesqueira como obradoiro colocándose paneis informativos e dotándoa de aparellos de pesca ademais de acondicionar e mellorar a súa accesibilidade.

Deste xeito, grazas a esta aposta, mellorouse a accesibilidade e a experiencia do visitante deste recurso turístico contribuíndo a potenciar o valor das pesqueiras que constitúen un exemplo vivo da enxeñería popular e do coñecemento do río e presentan un legado de incalculable valor histórico, pero tamén un elemento vivo e en uso que achega unha dimensión cultural, económica e social a nosa comunidade.

Accesibilidade e sinalización turística
Por outra parte, Turismo de Galicia realizou unha achega de máis de 27.000 euros no marco da liña de subvencións dotada con máis de 1,33 millóns de euros destinada ao fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural. A través desta liña de subvencións o concello de Crecente mellorou a accesibilidade e sinalización doutros importantes recursos turísticos, como é o caso do Mirador de Fichocas.

O obxectivo destas axudas é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible de acordo cun dos principais obxectivos de Turismo de Galicia que persegue o desenvolvemento do territorio segundo os principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade.