A Xunta mellora o abastecemento e saneamento no rural do Concello de Crecente

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co concello de Crecente na mellora do seu sistema de abastecemento e saneamento no rural, segundo se desprende do convenio asinado entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Julio C. García-Luengo. No acordo establécese que o Goberno galego achegará ata 2019 un total de 555.000 euros –cofinanciados por fondos FEADER- para executar estes traballos.

As obras que se pretenden acometer ao abeiro deste convenio teñen por obxecto completar o sistema de abastecemento e saneamento público nas parroquias de Sendelle e Ameixeira, incrementando as redes de subministro e interconectando distintas partes do sistema xa existentes.

O seu obxectivo é mellorar as condicións de vida dos veciños, de tal xeito que poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as súas demandas de auga potable e mellorando, ao mesmo tempo, a calidade das augas dos ríos da contorna.

Ao remate da reunión, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou que a Xunta seguirá apostando pola máxima colaboración cos concellos galegos para a posta en marcha infraestruturas e servizos que melloren a calidade de vida dos cidadáns e cidadás.