Un ferido grave ao envorcar o tractor que conducía en Crecente

Un home resultou ferido grave logo de que o vehículo agrícola que conducía -os coñecidos como 'chimpins'- se saíra da vía. Un equipo médico a bordo dun helicóptero con base en Ourense atendeu ao ferido que, posteriormente foi trasladado ata o Hospital Álvaro Cunqueiro.

Os feitos, segundo o CAE 112, acontecían cara ás 12 do mediodía cando un chimpin que circulada pola PO-400, á algura da parroquia de Quintela, en Crecente, saíuse da vía por causas que aínda están por determinar e envorcaba, ocasionándolle ao condutor, segundo explicaban os servizos médicos "lesións graves na cabeza".

Os bombeiros de Ponteareas, trasladados ata o lugar dos feitos, non precisaron intervir para liberar ao ferido, xa que non se atopaba atrapado no vehículo.

O ferido foi atendido no lugar do sinistro por un equipo médico trasladado ata o lugar dos feitos por un helicóptero con base en Ourense e, posteriormente, evacuado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo onde quedou ingresado. No operativo tamén participaron axentes da Garda Civil.