David Fernández Rivera regresa ás aulas de Covelo co seu obradoiro de poesía visual

Os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo gozaron, xunto ao poeta e educador David Fernández Rivera, do Proxecto Caligrama 2000, un obradoiro de poesía experimental creado polo artista e que xa visitou multitude de aulas, tanto a nivel nacional como internacional. A través desta iniciativa, organizada e impulsada polo Concello de Covelo, os pequenos percorreron xunto ao autor unha viaxe electrizante cara ás entrañas das manifestacións menos tradicionais da poesía, especialmente a visual e obxectual.

E é que a poesía está moi lonxe de reducirse en exclusiva ao texto, papel e recitado. A lírica pode e debe chegar aos nenos desde os formatos máis diversos, por exemplo, a través do son, a luz, o movemento ou a forma. Polo menos isto é o que pensa David Fernández Rivera, que a través desta iniciativa busca levar ao extremo a imaxinación dos máis pequenos ofrecéndolles estímulos que afastan as súas ideas preconcibidas sobre creación, de forma que aprendan a utilizala como ferramenta de interacción cos seus compañeiros, educadores, os seus propios sentimentos ou para co mundo que lles rodea.

A través das direccións de Rivera, os infantes aprenderon a explorar, interpretar e crear poesía visual. De modo sorprendente, puideron gozar das aparentemente complexas obras de grandes clásicos como Joan Brossa ou Apollinarie, ademais da obra visual do propio David. Quen dixo que as mellores obras clásicas e contemporáneas eran para adultos? Rivera afirma que os nenos teñen tanta ou máis capacidade que os adultos para asombrarse ou soñar desde e a través da arte.

Outro dos puntos relevantes do Proxecto Caligrama 2000 é o seu carácter interdisciplinar, e é que partindo sempre desde a imaxinación e creatividade, os alumnos mergullaronse desde unha perspectiva crítica cara a valores tan importantes coma o respecto á vida, animais, natureza, identidade persoal, etc... Do mesmo xeito, o taller incide no debate sobre temas como a escravitude no século XXI, o consumismo, a rutina, a importancia da arte..., ademais de moitas outras cuestións propostas polos colexiais, desde a efervescencia que lles dá o obter unha nova perspectiva.

En resumidas contas, este obradoiro non é só un proxecto educativo, senón tamén unha reivindicación para reflexionar sobre o rol dos máis pequenos dentro do panorama cultural. Este compromiso para coa mocidade é compartido polo propio municipio de Covelo, de feito, e sempre coa vontade de apoiar unha educación desde a arte, este ano poñerase o broche de ouro a esta sesión de obradoiros coa creación dun gran mural de poesía visual de Rivera, un proxecto que será inaugurado por todos e cada un dos pequenos que están a protagonizar este taller. Deste xeito, Covelo non só se posicióna a favor da arte máis vangardista e experimental, senón que axudará aos nenos e nenas a rubricar unha creación que lles servirá para lembrar que eles tamén son poesía, reforzando a súa relación coa visión máis total deste xénero.