Investigado o dono dos cans que atacaron a unha muller en Covelo

O dono dos dous cans que atacaron a Dolores Álvarez, unha veciña de Covelo de 82 anos, está sendo investigado pola vía penal acusado dun delito de lesións por imprudencia grave. A muller, á que lle tiveron que amputar ámbalas dúas pernas por debaixo do xeonllo debido á gravidade das súas lesións, sigue en estado grave nun centro hospitalario de Vigo.

O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, nunha nota oficial en nome de toda a Corporación municipal, vén de poñerse a disposición da familia "en todo aquelo que sirva para paliar a súa dor e tristura". Amais de anunciar a suspensión de todos os actos oficiais durante esta semana e a vindeira fin de semana, o alcalde "dada a gravidade dos feitos" pide unha "pronta e eficaz intervención das forzas de seguridade e da xustiza de cara ao esclarecemento dos feitos e as responsabilidades xudiciais que procedan".

O propietario dos cans, na investigación que desenvolve o Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas, amais de ser investigado polo antedito de lesións graves por imprudencia grave ten, de xeito paralelo, abertos outros expedientes xa que os animais carecían de calquera tipo de idenficicación ou control sanitario, non tiñan microchip e non estaban inscritos –como é obrigatorio– no rexistro de animais potencialmente perigosos.

A veciñanza de Covelo atópase "moi afectada" xa que segundo sinalaban veciños e veciñas, a ferida é unha persoa moi coñecida e querida e que, con oitenta e dous anos, é definida polos seus veciños como "unha persoa moi axil e perfectamente independente xa que para camiñar, non utilizaban nin sequera un bastón".

O ataque foi, segundo fontes veciñais "dun ensañamento fora do normal" e aseguraron estar "aterrorizados" polo feito de que, durante o ataque que lle provocou feridas tan graves que fixeron imprescindible a amputación das pernas "en ningún momento perdeu a consciencia, co horror que iso supón", apuntaban veciños e veciñas fondamente afectados.