Comezan as obras da senda peonil Covelo-Maceira que mellora a seguridade viaria da zona

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou onte as obras da senda peonil que acaba de comezar a executarse na PO-255 ao seu paso polo concello de Covelo.O delegado territorial estivo acompañado do alcalde do municipio, Pablo Castillo, así como do xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez, e da empresa adxudicataria dos traballos.

A obra ten como obxecto a construción dun itinerario peonil coa finalidade de mellorar as condicións de seguridade deste tramo situado entre os núcleos de Covelo e Maceira, “unha demanda que xa nos fixo chegar o alcalde en diferentes ocasións dende que se converteu en rexedor, tanto nas visitas que realizou á Delegación Territorial, como as que realizamos por diferentes motivos ao municipio nestes últimos anos, tanto en 2015 coma en 2016. De feito, tamén deu traslado desta demanda á propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez”, explicou Cores Tourís.

Deste xeito, “dáselle resposta a unha demanda importante en canto a seguridade viaria para os veciños da zona, destinando 64.500 euros dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda a execución dunha senda de 370 metros de lonxitude que se verá complementada tamén cun colector de drenaxe para a recollida e evacuación de augas pluviais”.

Os traballos executaranse ao longo dos próximos dous meses, non sendo necesaria a expropiación de ningunha parcela por levarse a cabo sobre terreos de dominio público. En diferentes puntos levaranse a cabo desmontes de pequena entidade co obxectivo de aumentar a sección libre entre a calzada e as propiedades colindantes, de xeito que a sección da senda teña un tamaño axeitado, entre o metro e os 2,20 metros de ancho. Finalmente, o proxecto contempla tamén a execución dun pequeno muro de formigón que permitirá a contención de terras dunha parcela situada nunha cota superior.