Unha glorieta mellorará a seguridade viaria no acceso a Couto, en Arbo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, anunciou esta semana a próxima licitación no Diario Oficial de Galicia da obra de mellora da intersección no punto quilométrico 19+660 da estrada PO-400 (Salvaterra-Filgueira) ao seu paso polo concello de Arbo.

A actuación farase as dúas interseccións coas estradas provinciais de Couto ─na marxe esquerda da PO-400─ e a vila, que están situadas nun tramo curvo da estrada e que, a pesar de contar cun carril central de espera, é unha zona con visibilidade reducida polo que, como sinalaba Cores Tourís, “os xiros non se realizan nas condicións desexables de seguridade”.

Para mellorar esta situación, transformarase o cruce nunha glorieta centrada no acceso a Couto, que se complementará cunha semiglorieta no acceso a Vila. “Esta solución permitirá acougar o tráfico neste tramo da estrada e a realización de tódolos xiros nas condicións desexables de visibilidade e seguridade”, engadiu o delegado territorial.

A solución adoptada consiste en aumentar lixeiramente a superficie da plataforma, deseñar unha glorieta e acomodar os accesos. Este tipo de nó esta caracterizado porque os tramos que nel conflúen comunícanse a través dun anel no que se establece unha circulación rotatoria ao redor dun illote central. “As traxectorias dos vehículos non se cruzan, senón que converxen e diverxen, polo que o número de conflitos é máis reducido que noutros tipos de nós”, matizou José Manuel Cores Tourís, quen rematou asegurando que “esta alternativa soluciona o problema da escasa visibilidade, xa que o funcionamento dunha glorieta baséase na prioridade de paso dos vehículos que circulan pola calzada anular, fronte aos que pretenden entrar nela desde os tramos, o que implica que o parámetro da visibilidade xa non é un condicionante”.

Ademais, prevese o acondicionamento de dúas paradas de bus cun pequeno tramo de beirarrúa, a sinalización dun paso de peóns e a instalación de alumeado. A obra complementarase coas partidas habituais de afirmado, drenaxe e sinalización.

O orzamento desta obra é de 218.208 euros e o prazo de execución será de tres meses, non sendo necesario levar a cabo expropiacións.

Este proxecto enmárcase nun plan presentado recentemente pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda para actuar entre 2018 e 2020 en todos os treitos de concentración de accidentes identificados en estradas autonómicas, un obxectivo ao que prevé destinar 12,3 millóns de euros.