Arbo segue envorcándose coa veciñanza das Neves afectada polos lumes

Dende que o lume arrasou, literalmente, o concello das Neves –cómpre lembrar que ardeu o 90 por cento do municipio–, asociacións, colectivos e veciños e veciñas de xeito individual do municipio veciño de Arbo, veñen desenvolvendo iniciativas de cara a recadar fondos para axudar afectados pola traxedia que supuxeron os incendios de outubro.

Esta mesma tarde, a Comisión de Festas do Carme e San Miguel de Cequeliños, organiza unha tómbola solidaria que se desenvolverá ás 20:30 horas nas escolas da parroquia. Un xeito de buscar axuda para a veciñanza afectada polo lume.

O certo é que Cequeliños vén de amosar a súa solidariedade cos que máis o necesitan en máis dunha ocasión, como foron os actos organizados a favor da Asociación do Cancro Infantil, ou mesmo a súa participación no verán solidario «Bombeiros Voluntarios de Melgaço».

Polo solidario da iniciativa merece a pena que veciños e veciñas achéguense ás escolas de Cequeliños e poñan o seu gran de area.

A esta iniciativa da comisión de festas de Cequeliños, súmase agora a iniciativa do colectivo «Máis Monte» da man de Anxo Piña que organizan para o vindeiro domingo 19 de novembro, unha andaina solidaria para recadar fondos para os damnificados das Neves.

A andaina terá a súa saída dende a Praza do Concello ás 9:30 horas e contará con dous recorridos, un de 15 quilómetros e outro para os máis pequenos, de 2 quilómetros.

Segundo Anxo Pina, portavoz do colectivo «Máis Monte», a andaina para os máis pequenos xurde como unha iniciativa “de cara a concienciar a nenos e nenas de en que medida o medioambiente é importante para o ser humano e o que os lumes poden facer coa natureza”.