Arbo mellora o equipamento do Punto de Atención á Infancia

Concello de Arbo mellorará o Punto de Atención á Infancia, situado en Cruceiro-Barcela, ao serlle confirmada unha achega de 26.157.11 € da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. As obras permitirán mellorar as instalacións instalando dous inodoros no baño infantil (na actualidade só hai un) e colocación de cambiador de cueiros, entre outras melloras.

Os traballos a realizar inclúen tamén a colocación de prato de ducha no baño de adultos e un incremento da superficie da sala de actividades, desprazando o tabique actual para modificación da sala de descanso.

Doutra banda, ampliarase o recibidor, e procederase ao cambio de fiestras e peche con galería da entrada o Centro.

Así mesmo, a adquisición e mellora do equipamento do centro, inclúe a compra de mobiliario e material didáctico e de xogo, así como a dotación de conexión á internet no local e a compra de dispositivos dixitais.

Con estas actuacións –sinala o alcalde de Arbo, Horacio Gil–, o Concello de Arbo, "pretende aumentar o máximo as posibilidades das diferentes zonas do P.A.I, reorganizar os espazos para que sexan máis funcionais, conseguir que aumente a sustentabilidade e adecuar o espazo de xogos as diferentes actividades que se realizan". Non é senon seguir "a mesma liña de melloras de infraestruturas municipais que levamos desenvolvendo dende a nosa chegada ao Goberno", conclúe o rexedor municipal.