O Concello de Arbo volve converterse na «Capital da Lamprea»

A primeira quincena de agosto, a vila de Arbo volve converterse segundo o Concello, na “Capital Mundial da Lamprea”, produto que cativou ao longo da historia padais tan selectos como os de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Castro Vello. Este ano a Festa da Lamprea Seca celebrará a súa XXII edición o 13 de agosto na xa tradicional "Carballeira de Turbela".

Durante todo o día, veciñanza e visitantes, poderán degustar este manxar nas súas diferentes variedades, asada, rebozada, rechea... acompañada dos mellores viños da D.O. Rías Baixas, mentres se goza das diversas actividades que propiciarán un ambiente festivo apto para todos os públicos.

Entre as actividades que terán lugar ao longo desta xornada, podemos destacar a Festa da bicicleta, a Feira de artesanía e antigüidades, a actuación dos nosos reputados grupos folclóricos, charangas... e como fin de festa, o II Festival de Cantos de Taberna, que o ano pasado na súa primeira edición, obtivo unha gran acollida por parte do público. Por suposto, non pode faltar a visita obrigada ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, "Arabo", situado fronte ao recinto, que permitirá, a locais e foráneos, coñecer mellor un dos principais signos de identificación do municipio.

festa lamprea seca 2017 02

A primeira Festa da Lamprea Seca tivo lugar no ano 1996, sendo concelleiro de Cultura o actual alcalde, Horacio Gil, co obxectivo de dar continuidade á promoción desta delicia gastronómica, poñendo en valor estoutras formas de preparar a lamprea fóra de tempada, que permiten, desta maneira, degustala durante todo o ano.

Alvaro Cunqueiro, no seu artigo publicado en abril de 1975 con motivo da XV Festa da Lamprea, dicía cando non podía asistir á Festa: "E quédome sen Arbo, sen as súas cordiais xentes, sen os amigos que van facer a festa á lamprea e cos que quixese charlar e ao seu lado comer.... Porque estar en Arbo na festa da Lamprea, é estar nunha festa".