O Concello de Arbo destaca o éxito do primeiro mes do Campamento de Verán

Unha vez rematado o primeiro mes de desenvolvemento do Campamento de Verán, o Concello de Arbo vén de facer unha valoración moi positiva desta actividade na que participaron un total de 35 nenos e nenas.

Os e as participantes nesta iniciativa municipal, puideron «viaxar» para coñecer outros países e outras culturas dun xeito ameno, divertido e ao mesmo tempo, instrutivo. Así, da man de Cristobal Colón, puxéronse camiño a América a través de xogos, manualidades, películas e cancións que lles permitiron descubrir diversas facetas do continente americano.

Pero as viaxes non se quedaron aí, nenos e nenas trasladáronse tamén ao Antigo Exipto onde descifraron xeroglíficos, participaron na procura do tesouro de Tutankamón ao mesmo tempo que xogaban e facían deporte.

O Campamento de Verán recibiu tamén unha visita moi especial dos axentes da Unidade Ecuestre da Garda Civil que desprazaron ata o campamento a dous dos seus cabalos, «Habano» e «Ledo» dos que “rapazas e rapaces fixéronse moi amigos”, sinala o Concello.

Finalmente as actividades deste campamento de verán incluían tamén unha serie de saídas que fixeron as delicias cos pequenos participantes, como foron unha xornada na piscina, xogos ao aire libre e unha viaxe á praia.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, salientaba a “gran variedade de actividades que se desenvolven neste campamento de verán no que amais da súa faceta lúdica e de xogos, teñen un aspecto de aprendizaxe moi importante”.

Horacio Gil, destacaba tamén a importancia destas actividades “de cara a permitir a conciliación da vida laboral e familiar nas épocas vacacionais”.