Marcha solidaria en Arbo a prol da saúde mental

O vindeiro domingo, 13 de xaneiro ás 10 da mañá, arrincará en Arbo unha marcha solidaria pola saúde mental organizada polo Concello de Arbo en colaboración coa asociación Avelaíña. Trátase dunha actividade aprazada o pasado mes de decembro por causa das adversas condicións meteorolóxicas daqueles días.

A xornada empezará cunha camiñada de dificultade media que partirá desde a Praza do Concello e que terá unha duración de 5 Km aproximadamente. Á súa chegada, organizaranse numerosas actividades, haberá agasallos para os participantes e varios sorteos para que haxa un tempo de recreo e distensión.

«Arbo, camiña pola saúde mental» reunirá a numerosas persoas entre usuarios, veciños, profesionais, achegados de Avelaíña e autoridades locais. Estas actividades teñen como obxectivo facer reflexionar á cidadanía sobre o importante labor que desenvolve esta asociación, potenciando a inclusión das persoas con enfermidade mental na provincia de Pontevedra, mediante a promoción da mellora da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Un día no que todos debemos aprender e sensibilizarnos coa problemática da enfermidade mental e estar dispostos a colaborar para lograr a mellora na calidade de vida destas persoas.

Desde o Concello de Arbo e a Asociación Avelaíña animan "a todo aquel que así o desexe, a participar e colaborar nun día tan especial como este". Os donativos (5 euros) faranse en efectivo o día da andaina aos socios colaboradores da asociación ou se ingresarán co concepto “participación marcha solidaria de Arbo” na conta: ES27-2100-4046-1121-0009-8385.