Arbo finaliza as obras de acondicionamento das súas piscinas municipais

O Concello de Arbo deu por rematadas as obras de melloras e adecuación das piscinas municipais e o seu recinto. Unhas actuacións adxudicadas por 79.482 euros e que incluen unha pequena praza con pavimento de formigón e zona axardinada. Esta executouse cunha pendente mínima cara ao viario e está delimitada con bolardos para evitar que sexa invadida polos automóbiles.

Así mesmo, construiuse unha caseta de dimensións mínimas, cuxa envolvente achega transparencia e lixeireza á construción. Tamén conta cun peche para delimitar as súas distintas zonas, o que permitirá un funcionamento conxunto ou independente das dúas piscinas.

As obras no recinto tamén inclúe un peche que dá acceso ao recinto e a delimitación entre zona de piscina e zona deportiva de xogos. Un peche modulado cunha disposición irregular dos seus elementos, con portas correderas de amplas dimensións igualmente para que se poidan comunicar as distintas zonas.

Tamén se aplicou un lavado a alto presión, cepillado e lixado e unha posterior capa de pintura lisa de cor negra á pérgola encostada ao edificio de servizo, que se atopaba en mal estado. As luminarias convencionais substituíronse por outras de tecnoloxía led.

piscina municipal 01

Reparouse tamén a cuberta e as xanelas e pintouse toda a fachada. Tamén se reparou a pista polideportiva. Doutra banda, completouse o peche vexetal con sebes que achegan variedade cromática e sobre a cuberta da sala de caldeiras colocáronse xardineiras de aceiro cortén.

Na piscina de Arbo, xa se realizaron obras o ano pasado, consistentes na mellora das piscinas, tanto na grande como na pequena, polo deterioro que o alcalde de Arbo, Horacio Gil, achaca "ao abandono das mesmas por parte do anterior Goberno". O rexedor local explicou que "cada ano son mais os usuarios doutros concellos e do país veciño Portugal que veñen gozar das instalacións no verán". Estas melloras, segundo o Concello de Arbo, engádense ás que o actual goberno leva realizadas "en todas as instalacións do Concello, como no caso do pavillón, campo de futbol, biblioteca, auditorio entre outras".