A Deputación abre en Arbo un servizo para actualización do padrón do lixo

A Deputación de Pontevedra vai colaborar co concello de Arbo para habilitar no municipio, a partir deste luns, un servizo provisional de atención ao público para que veciños e veciñas poidan tramitar máis facilmente as súas consultas, demandas ou aclaracións sobre o procedemento de actualización do padrón do lixo que se está realizando na vila, a petición do concello, que ten delegada a xestión desta taxa municipal no Servizo Oral.

Trátase dun proceso de revisión habitual dos concellos para actualizar os datos de novas altas e baixas que se producen no padrón do lixo. Neste caso, polo momento téñense notificado un total de 458 novos rexistros, dos que a maior parte -preto de 400- corresponden a altas de novas vivendas e establecementos que anteriormente non pagaban as taxas de lixo e o resto son modificacións nas tarifas en locais comerciais xa existentes.

O servizo de atención á cidadanía que abre a Deputación para informar sobre este procedemento abrirase este luns, 20 de agosto, e estará dispoñible durante tres semanas, ata o vindeiro 7 de setembro. O persoal técnico disposto polo Goberno provincial atenderá aos veciños e veciñas de Arbo os luns, mércores e venres polas mañás, dende as 8:30 ata as 14:30 h. Este servizo estará nas dependencias municipais situadas na Rúa Luís Cubelas, 1 (Edificio Correos).

Outros dos concellos da provincia, Mondariz e Baiona, tamén subscribiron coa Deputación a actualización do padrón do lixo. En Mondariz o persoal técnico de ORAL xa está a facer o traballo de campo, e en Baiona comezará en breve o proceso.