Carmela Silva invita ao alumnado da Cañiza a unha "loita conxunta contra o machismo"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, e a deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistiu este luns á décima intervención artística do programa «Mulleres en Acción. Violencia Zero», unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Ante o medio centenar de alumnos e alumnas do CPI da Cañiza que participaron activamente na acción e que vestiron as camisetas de Violencia Zero, Carmela Silva lanzou unha mensaxe reivindicativa na que resaltou que “temos que cambiar o mundo dende os centros educativos e para iso necesitamos o apoio dos mestres e das mestres. As mozas e os mozos son os nosos mellores aliados e aliadas para conseguir unha sociedade igualitaria”. A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén aproveitou o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” para facerlles ver ás nenas e nenos asistentes a escasa presenza da muller en postos de dirección e para detallar a magnitude da lacra que supoñen as violencias machistas. Así, Carmela ofreceu os terribles datos sobre violencias machistas explicando que “no que levamos de ano xa foron asasinadas 10 mulleres, o ano pasado, 55, e dende 2003, dende que se recompila esta estatística, case 1.000 mulleres foron asasinadas”.

violencia zero GenaBaamonde 02

Nesta ocasión, a protagonista da acción artística foi Gena Baamonde, directora, actriz e creadora titulada en Dirección de Escena, que interpretou, na Casa da Cultura da Cañiza, a súa obra «Tecor». A obra, na que participaron algúns dos alumnos e alumnas, utiliza a acidez e a ironía para denunciar a escasa presenza da muller nas estruturas de poder e, en definitiva, representar situacións que parecen banais pero que son parte dun sistema que favorece a desigualdade e que acaba desembocando nas violencias machistas e o asasinato de mulleres. Gena Baamonde rematou a súa actuación dirixíndose aos nenos e nenas asistentes para sinalarlles que “seredes vós quen poderedes cortar a expansión deste modelo de sociedade inxusto e machista que actúa coma un virus mundial”. Ao finalizar a acción artística, os alumnos e alumnas do CPI da Cañiza interactuaron coa artista, facendo preguntas, reflexionando sobre as violencias machistas e amosando a súa preocupación por esta lacra.

violencia zero GenaBaamonde 03

Carmela Silva rematou explicando que “creamos este programa para denunciar o que está a acontecer e para reflexionar sobre como cambiar a sociedade. Nas vosas mans está conseguilo e seguro que a acción de hoxe vai remover conciencias e espertar a capacidade de debate para loitar fronte as violencias que sofren as mulleres”. Pola súa banda, Miguel Domínguez, alcalde da Cañiza, agradeceu á Deputación de Pontevedra a posta en marcha deste programa e subliñou que “educar en igualdade é o camiño para erradicar as violencias machistas”.