A Xunta reforza os coidados profesionais a dependentes no Concello da Cañiza

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o alcalde da Cañiza, Manuel Adolfo Domínguez, na reunión que mantiveron na Casa do Concello O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o alcalde da Cañiza, Manuel Adolfo Domínguez, na reunión que mantiveron na Casa do Concello

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, desprazouse á Cañiza co obxectivo de coñecer máis polo miúdo, e sobre o terreo, o nivel de desenvolvemento dos recursos e programas en materia social nos que colaboran as administracións autonómica e local. O conselleiro abordou esta cuestión nunha xuntanza de traballo co alcalde da devandita localidade, Miguel Adolfo Domínguez Alonso.

En declaracións aos medios, o titular de Política Social enmarcou esta visita no seu interese en “coñecer de primeira man as necesidades do conxunto de concellos de Galicia, tanto as que existen nas grandes cidades e municipios urbanos como as que teñen as vilas máis pequenas e de carácter rural, coa intención de que todos dispoñan dos recursos e servizos sociais que precisan”. Nesta liña, Rey Varela trasladou ao primeiro edil da Cañiza a vontade de seguir afondando no diálogo e colaboración entre administracións co gallo de “ofrecer aos veciños e veciñas deste municipio uns servizos sociais de calidade e proximidade”.

rey varela a caniza 02

No que atinxe á mellora dos recursos sociais dos que dispón A Cañiza, o conselleiro subliñou o importante impulso que experimentou a atención a persoas maiores dependentes a través do reforzamento do Servizo de Atención no Fogar (SAF), xa que dende a creación da Consellería de Política Social en 2015 o número de horas dispoñibles nesta prestación incrementouse un 129% ata sumar 19.848 horas anuais en total. Con este reforzamento do SAF Dependencia o que se procura “é seguir sumando novos beneficiarios e beneficiarias desta prestación e elevar a ratio de atención por enriba do 75% que rexistra esta vila na actualidade”, dixo

rey varela a caniza 03

Así mesmo, e continuando co ámbito de maiores, Rey Varela engadiu que a Administración autonómica mantén sete prazas concertadas na Residencia A Nosa Señora do Rosario e ten concedidas oito libranzas para usuarios e usuarias do Centro de día Anxo, instalación esta última que visitou coincidindo co aniversario da súa apertura.

Por outra banda, o responsable de Política Social do Goberno galego referiuse ao investimento realizado na mellora da escola infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos de titularidade municipal, que se beneficiou de axudas por valor de 45.500 euros nos exercicios de 2016 e 2017. Rey Valera lembrou que a Xunta destinou nos dous últimos exercicios 2,5 millóns de euros á realización de obras de reforma, accesibilidade e adquisición de novo equipamento nun total de 136 puntos de atención á infancia e escolas infantís municipais, entre estas, a da Cañiza. A finalidade desta liña de axudas, que se manterá esta anualidade, “é que os nosos fillos e fillas teñan as mellores instalacións”, apuntou.