A Deputación rehabilitará a antiga ponte das Achas na Cañiza

A Deputación de Pontevedra vai rehabilitar a antiga Ponte das Achas en A Cañiza. Así o confirmou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, quen manifestou que o departamento que dirixe xa ten en marcha a contratación dun proxecto para recuperar e poñer en valor da toda a contorna do vello viaduto agora que está en desuso trala construción da nova ponte sobre o río Deva.

O deputado destacou que a iniciativa de recuperar a vella ponte, unha vez liberada de todo tráfico de coches e vehículos pesados grazas ás obras da Deputación para variar a traza da estrada, foi unha aposta do novo goberno provincial dende o primeiro momento. De feito, Benítez confirmou ao rexedor Adolfo Domínguez a pasada semana, na sinatura do convenio entre Deputación e Concello de A Cañiza para realizar a reurbanización da rúa Silleda, que a proposta saía adiante e que a redacción do proxecto estaba a piques de ser contratatada, sendo unha cuestión inminente.

Neste sentido, o deputado mostrou a súa sorpresa polo feito de que o alcalde, unha vez informado do compromiso firme por parte da Deputación para levar adiante a mellora da ponte, remitise un escrito ao departamento de Mobilidade “esixindo” as obras. Tamén causou incredulidade o feito de que o rexedor iniciase incluso unha recollida de sinaturas entre a veciñanza.

“Resulta sorprendente que o alcalde veña reclamar por escrito e intente mobilizar aos veciños e veciñas da zona por un proxecto xusto cando sabe que xa está en marcha, que é unha realidade. El coñecerá as súas motivacións para actuar así, a todas luces electoralistas, pero o certo é que tanto a Ponte das Achas como a súa contorna de gran beleza cambiarán o seu aspecto radicalmente, cambiando o mal estado actual, e garantindo a seguranza viaria para a xente que camiña por ela, mellorando o deseño de todo o espazo. A Deputación comprometeuse a facer a actuación e aí está”, explicou.

Agora, segundo explicou Benítez, o proxecto será redactado por unha das consultoras que forman parte do contrato marco co que traballa a Deputación. A redacción e deseño da proposta terá que ter en conta os requirimentos que realicen os departamentos con competencias na contorna, como Augas de Galicia, ao afectar ao leito do río Deva, e tamén Patrimonio, que deberá establecer as limitacións á hora de renovar a estrutura do viaduto. Así, a equipa redactora terá que facer unha proposta inicial e requirir os informes sectoriais para pechar o proxecto definitivo.