A Deputación destina á Cañiza unha nova achega do Plan Concellos

O deputado provincial Carlos Font informou hoxe da aprobación, mediante unha resolución presidencial, dunha nova achega no concello da Cañiza ao abeiro do Plan Concellos 2018. Trátase dunha axuda de 20.000 € cos que se poderán colocar luminarias no Parque Central da vila. Ademais desta cantidade, o goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio.

En concreto, 76.643,43 euros para a urbanización do parque central da vila; 71.069,37 euros para a humanización da Praza de Veleixe; 60.000 euros para a adquisición dun vehículo compactador de residuos sólidos urbanos; 20.499,99 euros para a ampliación e mellora das instalacións deportivas do ximnasio municipal e 119.613 para o saneamento en Foxo, Valeixe.

Amais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 51.598,69 € no que corresponde á liña 2 e tamén outros 122.361,75 € que foron destinados á financiación da contratación de 18 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

A Deputación destina este ano á Cañiza, ao través do Plan Concellos, un total de 928.630,06 euros, un 74,91% máis que en 2017.