Carlos Font visita as obras de acondicionamento do Parque Central da Cañiza

O deputado de Cooperación Municipal, Carlos López Font, asistiu este mércores, acompañado do alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, ao inicio das obras de acondicionamento do Parque Central do Concello, o proxecto do Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra que será unha realidade nun prazo de catro meses. A obra, que consta dunha inversión de 383.217,15 euros está financiada na súa totalidade pola Deputación, a través do Plan de Reequilibrio, que aporta 306.573,72 euros, e o Plan Concellos, que aporta o resto.

Font sinalou que este proxecto “suporá unha auténtica revolución e será unha obra emblemática para a vila porque converterase nun centro de convivencia para veciñas e veciños que mellorará a súa calidade de vida”. O deputado provincial manifestou “a nosa satisfacción por poder por en marcha actuación como estas sobre todo naqueles concellos como A Cañiza, que non tiñan sido atendidos debidamente en anteriores lexislaturas e facémolo respectando escrupulosamente a autonomía municipal”.

O proxecto consiste na urbanización e desenvolvemento da zona verde limítrofe co parque público Doutor Heriberto Fuentes. A obra presenta certa dificultade, pois o desnivel entre os extremos é de oito metros. Para salvar este inconveniente optouse por dispor unha nova plataforma horizontal a un nivel intermedio e unha escaleira en U. Aproveitando a intervención procederase tamén a modificación e arranxo das beirarrúas limítrofes aos parques, así como o aparcadoiro da rúa Antonio Facorro, onde se obteñen nove novas prazas.

Font quixo resaltar a importancia que plans como o de Reequilibrio ou o Plan DepoRemse, no que tamén está o concello da Cañiza, teñen no desenvolvemento dos municipios pequenos da provincia, que reciben financiación para a realización de obras de mellora de diferentes tipos.

Nos tres de anos de lexislatura o goberno de Carmela Silva destinou ao concello da Cañiza 3,6 millóns de euros. Só este ano o Plan Concellos supón para a vila unha inversión de 928.630,06 euros, o que supón un incremento do 74,91 % con respecto ao exercicio anterior.