«III Raid do Condado-Marqués de Vizhoja»

O Concello da Cañiza acolleu a presentación do Raid do Condado-Marqués de Vizhoja, Campionato de España de Raids de Avenuras, organizado polo Club Cornelios, www.cornelios.es, que se celebrará o fin de semana, 15 e 16 de setembro, nos concellos de Salvaterra de Miño, A Cañiza, As Neves e Arbo.

A carreira supón a cuarta proba do calendario da liga Española de Raids de aventura e a terceira da liga Galega, ademais de configurarse como Campionato Galego de Raids de Aventura e estar adherido ao circuíto Iberian Outdoor Race Series como a súa oitava carreira. Todo iso fai que se espere que cheguen equipos de toda España e Portugal, como na pasada edición na que participaron 54 conxuntos e uns 160 corredores.

A primeira etapa, con saída en Salvaterra de Miño, será o sábado de 10:00 ata as 03:00 horas con meta nas Neves e percorrido duns 134 quilómetros. A do domingo desenvolverase de 9:00 a 13:00 horas con saída en Arbo e meta no Pazo A Moreira de Adegas Marqués de Vizhoja, que discorrerá polos espectaculares viñedos da adega galega, cun total de 41 quilómetros.

Durante a carreira os equipos deberán pasar polos puntos de control sinalizados no mapa, dando a libre elección o percorrido para realizar. Vencerá o equipo que consiga o maior número de puntos no menor tempo. As disciplinas que se desenvolverán no Raid serán trekking, bicicleta de montaña, kaiak, patíns e unha proba especial de rappel.

raid aventura condado entrada PazoMoreira

Participantes na pasada edición do Raid na entrada ao Pazo La Moreira

Os equipos xa poden inscribirse a través da plataforma www.tracktherace.com, podendo facelo nas categorías: elite (3 corredores sempre en carreira), aventura masculina / junior/feminina (2+1, con substitución do terceiro corredor), promoción longa (de 2 a 5 corredores, con substitucións, será aproximadamente o 60% do percorrido total) e promoción curta (de 2 a 5 corredores, con substitucións, será só a etapa do domingo).

As categorías de promoción están dirixidas para deportistas que descoñezan os raids de aventura e queiran probar este deporte ou ben para quen xa o fixeron pero aínda non teñen a experiencia que esixe as categorías elite e aventura.

Adegas Marqués de Vizhoja, en apoio do deporte de aventuras
Adegas Marqués de Vizhoja é unha empresa familiar fundada en 1968 por Mariano Peláez que na actualidade convertéronse nun referente empresarial dentro do sector vinícola. O seu labor é continuada hoxe en día polos seus fillos Javier e Jorge Peláez á fronte da xestión. Situadas na Leira A Moreira, nunha da subzona da D.O. Rías Baixas do Condado do Tea, as adegas alcanzan na actualidade case 40 hectáreas de viñedo, no que se cultivan as variedades de uva albariña, loureira e treixadura. A procura da calidade, a innovación e o desenvolvemento, a combinación de modernidade e tradición e o coidado da imaxe e o respecto co medio ambiente, son o paradigma de Adegas Marqués de Vizhoja; quedando reflectido na súa gama de produtos, viños que os levaron a ser referentes do sector vinícola e nas súas accións de márketing en apoio do deporte e a música.