A Deputación rehabilitará a estrada Cañiza-Pousa cun investimento de máis de 578.000 euros

O alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, conversa coa presidenta da Deputación, Carmela Silva e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, na visita realizada ás obras executadas en Ponte Deva O alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, conversa coa presidenta da Deputación, Carmela Silva e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, na visita realizada ás obras executadas en Ponte Deva

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, xa ten listo e en fase de contratación o proxecto para rehabilitar de xeito integral o firme da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa co fin de mellorar a seguranza viaria. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, nunha reunión mantida co alcalde de A Cañiza recentemente acordouse que a Deputación melloraría a plataforma da estrada ao longo de 12,3 quilómetros de lonxitude circunscribíndose ao trazado existente.

A reforma da contorna do campo de fútbol ─que non é de titularidade provincial─ deberá ser realizada polo Concello. O orzamento do departamento de Mobilidade para a o novo proxecto da estrada alcanza os 578.338,85 euros, e inclúe a completa reposición do firme. A execución das obras circunscribirase exclusivamente á plataforma da vía mellorando a pavimentación da traza existente, dentro do dominio público viario e sen ocupar outro tipo de terreos: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.

Así mesmo, mellorarase a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros).

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, esta actuación da Deputación foi consensuada co alcalde de A Cañiza, Miguel Domínguez, nun encontro mantido para falar das necesidades viarias da rede provincial dentro do municipio. Entón, o rexedor manifestara que era preciso tamén mellorar as marxes do campo de fútbol mais, dado que a contorna das instalacións deportivas está fóra do dominio público da Deputación, acordouse co beneplácito de ambas partes que o Concello sería quen se faría cargo da rúa reforma, que se debería coordinar e realizar ao mesmo tempo que as obras da Deputación para unha maior eficiencia.

Para mellorar os arredores do campo de fútbol, en calquera caso, o Concello debía solicitar autorización e informe á Deputación, tal e como acontece con todas e cada unha das obras que se realizan nas inmediacións de estradas provinciais, mais a solicitude aínda non foi recibida pola institución provincial.

deputacion franqueira

O alcalde e o deputado de Mobilidade, nas obras que a Deputación desenvolveu na Franqueira

Ante esta situación, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez manifestou a súa sorpresa polas críticas vertidas polo alcalde Domínguez nos últimos días sobre a Deputación por un suposto “abandono” do concello de A Cañiza. “O alcalde é perfectamente coñecedor de que o proxecto para a EP-5005, de 578.000 euros, está en marcha, xa na fase de contratación, e de que incluso hai outras actuacións pendentes de convenio nas que estamos a traballar”, explicou o nacionalista, quen destacou que nestes momentos o paso para actuar na contorna do campo de fúbtol correspóndelle ao dirixente «popular».

Benítez quixo indicar tamén que o contacto entre Concello de A Cañiza e departamento de Mobilidade para coñecer e atender as súas necesidades en materia viaria foi fluído dende inicio de mandato. Lembrou que amais do actual proxecto en marcha, o actual goberno provincial sacou adiante as actuacións de Ponte Deva (que tal e como o deixara o anterior goberno incumpría os informes de Augas de Galicia, entre outros), e da A Franqueira (que tiña problemas con Patrimonio). Tamén se fixeron reformas en varias estradas provinciais con dispositivos de calmado de tráfico, melloras de firmes, e renovacións de sinalizacións co fin de aumentar a seguranza viaria, “todas elas de forma consensuada, respectando a autonomía e os intereses do Concello”.