«Limiar Teatro» leva a adaptación de «Anagnórise» á Cañiza

A Casa da Cultura da Cañiza acolle ás 16 horas do vindeiro luns a terceira representación de «Anagnórise», das dez que Limiar Teatro levará pola provincia no marco do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra. A obra, que está indicada para público maior de 14 anos, baséase nunha das obras máis coñecidas de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Esta representación forma parte da programación teatral que, baixo o título «María Victoria Moreno a escena!», o departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia de Pontevedra, e que conta cun total de 60 actuacións a cargo de seis compañías de teatro. No caso concreto de «Anagnórise», xa pasou por Bueu e Moraña, e tras ser representada na Cañiza, continuará a itinerancia por Meis, Baiona, A Guarda, Salceda de Caselas, Vila de Cruces, Salvaterra de Miño e Soutomaior.

A adaptación, realizada pola compañía Limiar Teatro e producida por Galaxia Editorial, pon enriba das táboas historia de Nicolau, un mozo que decide fuxir a Madrid facendo autostop, e de Xulia, a muller que o recolle no seu vehículo. O escenario sitúase, aparentemente, nun desguace no que dous actores van facendo un percorrido trepidante polos elementos máis salientables que conforman a road movie que constitúe a obra orixinal, desde a primeira parada para tomar o polbo ata o derradeiro café en Madrid. Este percorrido está fiado cunha proposta escénica pouco común, baseada en mapping audivisual, música en directo, lectura de fragmentos da obra, xogos nos que se precisa a participación e complicidade do público, e grandes doses de humor.

O atractivo da adaptación de «Anagnórise» realizada por Limiar Teatro reside na confluencia entre elementos totalmente contemporáneos e procedentes da cultura dos mass media, como os concursos televisivos, a música de moda ou grandes éxitos do cinema comercial de Hollywood, postos ao servizo dos valores que defende María Victoria Moreno na súa obra, como son a busca do amor, a comprensión entre as persoas, a igualdade de xénero, e a necesidade de asumir a perda e afrontar a frustración.

Hai que lembrar que «Anagnórise» fora publicada en 1988 e foi seleccionada para a lista de honra da IBBY en 1990. Desde entón, vendéronse milleiros de exemplares converténdose na obra de maior éxito comercial de María Victoria Moreno.

O cartel de «María Victoria a escena!», ademais de «Anagnórise», inclúe «Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos» coa que Matrioshka Teatro homenaxea a vida e a traxectoria da autora. Ambas propostas están indicadas para público maior de 14 anos.

Para público familiar contempla «Mar adiante» adaptada por Odaiko Teatro; «Romance de cans» de Viravolta Títeres-Seisdedos, baseado no conto «Can branco, can negro»; «Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno», un contacontos ilustrado para público familiar a cargo do colectivo ‘Polo correo do vento’; e a adaptación de «Leonardo e os fontaneiros», producida tamén pola Editorial Galaxia e que pon en escena Ubu Teatro.